
Seminario Europa «Galicia e Europa no mundo» con Adrián Vázquez Lázara
O vindeiro xoves, 19 de febreiro, ás 19.30 h, a Asociación Federalista de Galicia en colaboración co Ateneo de Santiago, organizan no salón de actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago, situado na praza de Salvador Parga, núm. 4, 2º de Santiago de Compostela, unha conversa con Adrián Vázquez Lázara, deputado no Parlamento Europeo polo PPdG. O acto que estará presentado por Cristina Ares Castro-Conde, profesora de Política da Unión Europea da USC, levará por título Galicia e Europa no mundo.
Adrián Vázquez Lázara é deputado do PPdeG no Parlamento Europeo e presidente da Comisión de Asuntos Xurídicos dende 2020. Ademais, exerce como membro suplente na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural. Posúe unha ampla traxectoria en relacións internacionais, con experiencia no Parlamento Europeo, a OSCE, a OTAN e no ámbito dos asuntos públicos. Iniciou os seus estudos na Facultade de Dereito da Universidade Complutense de Madrid e especializouse en lingua e cultura xaponesa no International Studies Institute de Tokio. Completou unha licenciatura en Estudos Internacionais na Universidade de Lindenwood (EE. UU.) e un máster en Relacións Internacionais na Universidade de Warwick (Reino Unido). Dende xaneiro de 2022, imparte docencia en ESADE e no Centro Universitario Cardenal Cisneros.
