O federalismo é unha visión política nacida para resolver problemas da cidadanía e un esixente ideal normativo da democracia baseados no pacto, na negociación, no goberno mediante acordos revisables e potestades compartidas. Unha visión requintada, froito dunha moi longa traxectoria, ben contrastada na práctica e moi plural nos seus deseños institucionais, solucións técnicas e orientacións ideolóxicas. Un ideal político que ten que ser debatido, espallado, explicado e concretado do xeito máis acaído a cada país e a cada conxuntura. Así e todo, en España e en Galicia, por razóns históricas que se remontan á Constitución de Cádiz e á I República, o federalismo non se albisca, como acontece no resto do mundo ―desde USA a Alemaña, pasando por Australia, India, Brasil ou Canadá― como a construción dunha Federación, isto é, dunha Unión federal estable e solidaria, senón como destemida fractura e «banalización» do Estado. Mesmo até o punto de perdermos por completo, no esquecemento máis lamentable, o contacto coa nosa tradición política e intelectual do republicanismo federal, a de Pi i Margall, Valentí Almirall ou, entre nós, Aurelio Pereira, Leiras Pulpeiro ou Pérez Costales. Porén, no mundo actual o federalismo é a regra e non a excepción: máis do 65% da poboación mundial vive en sistemas federais de diversa natureza.
O federalismo postula, ante todo, o abandono do soberanismo, a perigosa quimera herdada da teoloxía política de que ―quer no Estado, no pobo ou a nación― reside un poder ilimitado, indivisible e indelegable. Fronte a autodeterminación unilateral, o federalismo propón a codeterminación multilateral como a cerna mesma da democracia. O federalismo defende un mundo político non xerárquico, de coordinación horizontal con fundamento na lealdade e o respecto recíproco entre poderes compartidos.
O federalismo salienta a incomparable calidade do goberno democrático multinivel fronte a calquera caste de centralismo. Reclama, por unha parte, o máis amplo autogoberno das unidades federadas no ámbito das súas competencias e, por outra, potentes mecanismos de goberno compartido para os asuntos comúns. O federalismo ten amosado durante séculos, e en multitude de países, a súa excepcional e resiliencia como forma de goberno en permanente evolución. De feito, a Federación enxerga o sistema político máis acaído para contextos cambiantes e plurais, mediante a distribución de competencias acordada mediante pactos, sempre mellorables e revisables, de interdependencia multilateral.
O federalismo implica tamén unha idea propia de Comunidade política, presidida pola unidade na diversidade electoral, cultural, institucional e nacional. É a súa unha perspectiva tolerante, por definición, de identidades superpostas, non pechadas en si mesmas e de costas unhas coas outras, de pertenzas non excluíntes. O federalismo acubilla unha defensa convencida do pluralismo cultural e lingüístico ó fío dos procesos abertos de creación e intercambios culturais, tanto no conxunto da Federación como no interior de cada unha das comunidades federadas.
O federalismo postula como un dos seus eixos básicos e irrenunciables a igualdade e solidariedade interterritoriais, o apoio mutuo baseado na suficiencia financeira e na corresponsabilidade fiscal das comunidades federadas, a transparencia e a proporcionalidade redistributiva. Velaí a súa resolta vocación de federalismo do benestar, co obxectivo explícito de se configurar como un soporte básico do Estado social e democrático de dereito, da calidade de vida cotiá da cidadanía, áncora solidaria das políticas sociais, de igualdade, de educación pública, de sanidade pública, de salario, vivenda e pensións dignas, das inaprazables políticas medioambientais.
O federalismo implica moito máis que un deseño institucional, insiste tamén na elaboración colectiva dunha indispensable cultura política federal, un xeito de pensar, unha sensibilidade, un modo de vida federal. A Federación non é posible sen unha cultura cívica federativa, é dicir, un conxunto de actitudes, disposicións, valores e principios que habilitan á cidadanía para desenvolverse, desde a reciprocidade e o mutuo respecto, nun goberno multinivel sempre en proceso, aberto á competencia interna e a contextos de experimentación autónoma de políticas públicas, en espenarios complexos de pluralismo lingüístico e cultural.
O federalismo non só achega razóns, principios e mecanismos políticos dabondo, moi precisos e experimentados, non consiste só en articular intereses e identidades da man dunha visión racionalista da política alternativa ás paixóns nacionalistas. Pola contra, traballa tamén un específico réxime emocional, cultiva e potencia emocións axeitadas para facilitar identidades superpostas, para construír contextos sociais e políticos democráticos, estables e cooperativos. Así, promove a empatía fronte a resentimento, a confianza ou xenreira ao outro, ao diferente. Fornece, en definitiva, a imprescindible base afectiva dunha idea non nacional-populista de nación.
O federalismo, en canto sistema democrático de goberno multinivel é simultaneamente: 1) municipalista: acérrimo defensor do principio da subsidiariedade a partir do reforzamento dos gobernos locais como ámbitos políticos de primeiro orde, de prestación de servizos públicos e realización de dereitos cívicos, de participación e deliberación cidadá; 2) internacionalista: pois os desafíos transfronteirizos da rampante desigualdade global, a crise socio-ecolóxica e o cambio climático reclaman avanzar, na procura dunha nova fronteira xusta para toda a humanidade, cara un imprescindible deferalismo social a escala planetaria.
A Asociación Federalista de Galicia nace coa vontade de servir, desde a sociedade civil galega, plural e amigable de análise, debate, divulgación e concreción do ideario federal en Galicia, en España, en Europa. Mediante este Manifesto facemos un chamamento á incorporación activa de todas e todos os que, residan onde residan, desde as máis diversas perspectivas profesionais, políticas e culturais estean interesados, dun xeito ou doutro, en compartir as arelas da Causa federal.
Santiago de Compostela, febreiro de 2.020