A ASOCIACIÓN FEDERALISTA DE GALICIA é unha entidade sen ánimo de lucro, acollida a Lei Orgánica 1/2.002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, que ten por finalidade principal agrupar as persoas que en Galicia consideran o federalismo como a forma de organización territorial máis axeitada para España.
Partindo desta finalidade preténdese:
a) Impulsar a cultura e a coincidencia federal e os principios, valores e deseños institucionais que lle son propios.
b) Propiciar unha reforma do Estado das autonomías nun senso federal baseada nos principios de cooperación, lealdade institucional, solidariedade e pluralismo.
c) Apoiar e participar en iniciativas que contribúan a construción dunha Europa federal, democrática, plural, inclusiva e solidaria.
d) Dar a coñecer a historia e tradicións do pensamento político federal en Galicia, España e Europa.
Para levar a cabo os seus fins, a Asociación poderá organizar, entre outras, as seguintes actividades:
- Organizar de seu en colaboración con outras entidades ou institucións, todo tipo de conferencias, debates, encontros e reunións, que contribúan a un mellor coñecemento e concreción do federalismo como tradición, cultura, ideal e sistema político vixente no mundo de hoxe.
- Elaborar e, no seu caso, editar, documentos, publicacións, libros e artigos relacionados co federalismo en todos os seus aspectos.
- Establecer contactos e relacións con outros grupos de federalistas doutros lugares de España e Europa que posibiliten a constitución de redes de grupos para un mellor aproveitamento das experiencias e coñecementos entre os mesmos.
A Asociación Federalista de Galicia nace coa vontade de servir, desde a sociedade civil galega, de espazo aberto, plural e amigable de análise, debate, divulgación e concreción do ideario e dos sistemas políticos federais en Galicia, en España, en Europa. Facemos un chamamento á incorporación activa de todas e todos os que, residan onde residan, desde as máis diversas perspectivas profesionais, políticas e culturais estean intersados, dun xeito ou doutro, en compartir as arelas da Causa federal